Nuria Vil: Flúor significa escuridade / María Salgado: Orientada a Stein

11 xul
20:00 h
Teatro Principal, Pontevedra
Nuria Vil

Poesía performativa. Duración: 90 min

Un halóxeno de cor amarela pálida, tóxico e moi reactivo. Así, coma o elemento químico, aparece a palabra en voz alta. Ás veces detona e outras acompaña e ilumina. Poemas longos e pensados para escoitar, para repetir en voz alta, para detonar e alumar na ruína. "Poemas de Simún, poemas inéditos, poemas que non digo nunca e poemas que recito a todas horas".

Nuria Vil (1993, Santo André de Comesaña, Vigo) é activista LGBTQIA+ e antirracista e mais poeta. O seu traballo artístico, eminentemente oral, envolve a palabra falada e o diálogo entre distintas artes para levar a poesía máis aló da escritura.

"De todas as poetas que lin, Gertrude Stein é a que mellor me mostrou a vía de ruptura da falsa división entre escritura e oralidade e o afán de facer soar un ritmo que poida infiltrar calquera orde verbal de aparencia neutral, coma a do patriarcado, para a súa disolución. Nesta peza comparto algúns dos meus textos máis orientados cara a/ou influídos por Stein: varios poemas de Salitre e Hacía un ruido, un texto de Die 1, die eine 3 wurde (2018), e o espectáculo Deja a ella probar. Un fragmento de Patriarchal poetry (Poesía antipatriarcal), de Gertrude Stein (2015)". María Salgado

María Salgado (1984, Madrid) é artista. Combina a escritura, o espectáculo e o ensaio como partes dunha investigación nunha linguaxe que faga son o presente e reconecte co mundo e o desexo, co desexo de mundo.

Este programa podería sufrir modificacións por circunstancias externas, coma climatoloxía adversa ou causas de forza maior.

Entrada libre ata completar a capacidade.