Marta Fernández Calvo e Su Garrido Pombo: Una vajilla, una premonición

Espectáculo. Duración: 40 min
A proposta de Marta Fernández Calvo consiste na revisión de cinco anos de práctica artística que se materializa nun exercicio de arquivo que recolle e fai posible a activación coral de todo o material. Esta será a primeira presentación do arquivo e formalizarase nunha instalación e nun espectáculo que se activará mediante un traballo principalmente enfocado no son e na palabra.
A práctica artística e a investigación de Marta Fernández Calvo (1978, Logroño) estiveron fortemente influenciadas polo alimento e polos coidados. Ambos os conceptos ―e as inevitables conexións entre eles― deron lugar aos proxectos en curso conformados polas receitas que xeracións de mulleres cociñaron xuntas durante a Ditadura española (Casas de comidas), ingredientes que coidaron e protexeron grupos de mulleres en México e España (Yo echo para atrás las cosas malas, Eu boto para atrás as cousas malas) e alimentos que traspasaron fronteiras ou que, en procesos de migración, foron esquecidos ou substituídos por outros (Food Chorus, coro de comida). A fraxilidade desde a que se traballa con redes de afecto e coidado e o material emocional e a responsabilidade resultantes deste traballo son un dos eixes principais da súa práctica artística.
Nesta ocasión acompañaraa Su Garrido Pombo, cantante, guitarrista e compositora viguesa. O seu estilo músical abarca diversos xéneros con matices de bossa, folk, jazzou latinos. A súa música é intimista e nos seus directos non faltan a súa guitarra e os seus pedais de efectos. Obtivo o primeiro premio no Concurso Fran Narf (2018) e o Premio Martín Códax na categoría de música de autora (2019).
Este programa podería sufrir modificacións por circunstancias externas, coma climatoloxía adversa ou causas de forza maior.
Entrada libre ata completar a capacidade.