La Ribot: LaBOLA

26 set
20:00 h
Salón de plenos da Deputación, Pontevedra
La Ribot

Danza. Duración: 50 minutos

Nun movemento de espiral permanente, tres intérpretes intercambian o vestiario, danlles vida aos obxectos e compoñen co momento presente e os seus accidentes. Dese movemento xorden imaxes fugaces, compostas no momento nun xogo de cores e rexistros en cambio constante. Libre de todo artificio, ao mesmo nivel que as e os espectadores, LaBOLA invade os espazos e abre un camiño infinito á imaxinación.

"Eu imaxínome que poderiamos estar todos bailando sen parar... todos á vez e facendo máis ou menos o mesmo; transformándonos continuamente, pasando por todo tipo de experiencias; partindo, por exemplo, de nós mesmos. Intercambiando as camisas, os pantalóns, os gorros, os zapatos, as toallas e os vestidos... as formas, as barrigas, os pelos, os narices, as coxas de polo, as caveiras... os pelos de camelo, as saias longas, os chuvasqueiros, as alfombras, as mesas e as cadeiras, os cigarros e as escobas, a música e as luces, os libros, as fregonas e os coitelos... Intercambiar os corpos e as vidas, as historias e as mentiras, as mulleres e os homes; intercambiar os cornos, as queixas e os cus; intercambiar o nome, a cara e o pasaporte".

La Ribot é coreógrafa, bailarina e artista visual e, ao longo da súa traxectoria, foi desenvolvendo un corpo de traballo baseado na exploración dos límites do corpo, da danza, do espectáculo, das artes visuais, sempre evolucionando e probando novos modos e espazos para mostrar as súas pezas. En 2021 recibiu o León de Ouro á súa carreira na Bienal de Venecia de Danza, galardón que se sumou ao Premio Nacional de Danza e á Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes, os cales outorga o Ministerio de Cultura do Goberno de España, ademais de recibir en 2019 o Gran Premio Suízo da Danza.

Dirección e concepto: La Ribot
Interpretación e coreografía: por confirmar
Vestiario e attrezzo: La Ribot e Marion Schmid
Produtora executiva: Aude Martino
Responsable de comunicación e produción: Juliette Henrioud
Directora técnica e iluminación: Marie Prédour
Administrador: Gonzague Bochud
Produción: La Ribot Ensemble

Este programa podería sufrir modificacións por circunstancias externas, coma climatoloxía adversa ou causas de forza maior.

Entrada libre ata completar a capacidade.