Obras
Machine for Restoring Empathy (Máquina para restaurar a empatía, 2019)
Esta é unha das obras máis coñecidas de Eva Koťátková, na que presenta a empatía como unha ferramenta que nos conecta coas demais persoas e co mundo que nos rodea. Esta instalación, de gran formato, ofrece un espazo inclusivo onde seres humanos, animais, plantas e obxectos interactúan de maneira equitativa. De carácter performativo, a peza permite contar historias de compaixón e coidado, ao brindar un refuxio a quen se sente excluído. A través de actividades que reformulan as normas sociais, Machine for Restoring Empathy convida as e os visitantes a explorar novas formas de ver o mundo e fortalecer as nosas conexións. Ademais da súa faceta artística, Koťátková é cofundadora do Instituto da Ansiedade, un espazo de colaboración entre artistas, pensadoras, pensadores e activistas que analizan a ansiedade como resultado de factores sociais, políticos e económicos. A artista cre que o cambio, tanto estrutural coma crítico, pode lograrse non só loitando contra o sistema, senón tamén mediante actos cotiáns que consistan en crear comunidade e compartir.
