09/07/2026
20:00 h
Igrexa
40 minutos
Estrea en Galicia
<em>Alien</em>
Alien

MANUEL RODRÍGUEZ

Danza

Dise que, cando as e os astronautas volven á Terra despois de vela desde tan lonxe, o real adquire para eles matices de ficción. O planeta deixa de ser unha noción abstracta e inalcanzable; mentres quen observa se volve cada vez máis pequena ou pequeno, o planeta faise máis grande, demasiado grande. Entón, as palabras comúns xa non son suficientes e a conciencia dun mesmo expándese máis aló dos seus límites. É nesta expansión, neste corremento do real cara ao ficcional, onde comeza Alien, un lugar de estrañamento, resistencia e transformación. Aquí, o corpo non só comunica, senón que devén nun espazo no que identidade e percepción se suspenden ingrávidas, abríndose a novas potencialidades.

Manuel Rodríguez é bailarín, coreógrafo e artista visual, graduado no máster Novas Prácticas Performativas pola Universidade das Artes de Estocolmo. A súa práctica interroga as condicións contemporáneas de aparición do corpo, tratándoo como un espazo de fricción onde percepción, materia e relación se entrecruzan. As súas creacións erosionan as estruturas da linguaxe e os dispositivos que organizan o visible, e abren zonas de indeterminación desde as que pensar outras formas de presenza. Ao longo da súa carreira como intérprete, colaborou con coreógrafos de proxección internacional coma Marcos Morau, formando parte da compañía La Veronal durante dez anos, James Thierrée ou Carmen Werner. Entre as súas máis de quince obras escénicas —alén de proxectos editoriais, audiovisuais e instalativos— destacan ZERO, Body on Paper, Alien, Screensaver, R.E.M. e Manu. Recentemente estreou Otra cosa que no es una conferencia no Mercat de les Flors de Barcelona.