Cris Balboa: Sinte

Espectáculo. Duración: 60 min
Sinte é unha proposta coa música como catalizador, a palabra como xogo e a danza como liberación. "Sinte é unha viaxe desde a miña fraxilidade para desarmar as coirazas coas que nos movemos polo mundo e celebrar que todos somos seres sensibles vibrando en diferentes frecuencias. A miña insistencia é relatar o meu conflito co mundo desde o máis pequeno, o máis singular e persoal, tentando inducir estados de ánimo colectivos a través da música electrónica. En Sinte quero ser unha DJ de emocións, unha DJ que quere que o público goce da súa proposta sonora en todos os niveis, que baile comigo ou que asista como voyeur ao meu striptease emocional. Tal e como entendo hoxe a escena, considero que todo suma e que os intérpretes somos un catalizador de experiencias que teñen que ver coa palabra, co corpo, co son, co canto, e que non están diferenciadas por momentos. O meu obxectivo é que o corpo, a palabra e a música sexan un todo, e que a persoa en escena sexa unha especie de DJ de todo isto".
Cris Balboa é unha creadora galega que ten como motor a presentación escénica do absurdo cotián na procura dun diálogo xeracional onde a palabra, a acción, a danza, o audiovisual e a música se mesturan na súa proposta artística. Ademais, investiga sobre a posibilidade de transformación social e persoal que ten a arte atravesando a súa obra con elementos narrativos que basculan entre a ironía, o humor, o hedonismo ou mesmo a desesperación. Escribe desde o autobiográfico para identificarse coas e cos espectadores reflexionando sobre a vida desde o cotián e poñendo o seu corpo e experiencia como centro da dúbida sobre o que somos. Actualmente está presentando en Madrid o seu último traballo, Roland mon amour, co Centro Dramático Nacional no Teatro María Guerrero.
Este programa podería sufrir modificacións por circunstancias externas, coma climatoloxía adversa ou causas de forza maior.
Entrada libre ata completar a capacidade.