Colectivo Glovo: Alleo + Trïade

Danza. Duración: 30 min
Alleo baséase na idea da atalaia. Parte do condicionamento da "privilexiada" posición da torre e de quen desempeñaba o papel na vixilancia. Habitamos ambos os corpos: o poder que outorgaba o coñecemento do descoñecido e o que estaba por vir, así como a soidade desa posición e o peso do descubrimento do alleo.
Trïade ten como punto de partida esa necesidade de xuntarse, vincularse e bailar desde o coidado e a escoita nun espazo feminino que procure unha xenealoxía feminina, unha orde simbólica persoal e independente, inspirada pola tríade lunar e a súa idea do eterno retorno ―vida, morte e renacemento―, que dá como resultado unha peza de curto formato para un espazo non convencional con marcado carácter ritualesco e de culto ás devanceiras e ás raíces.
Colectivo Glovo nace en 2016 baixo a dirección de Esther Latorre (Galicia) e Hugo Pereira (Portugal) para xerar así un espazo creativo onde ambos os dous, intérpretes e coreógrafos, desenvolven conxuntamente a súa faceta máis imaxinativa. Con sede en Galicia, traballan na creación da escena tanto para teatros coma rúas e espazos non convencionais, así como para xestores culturais, xa que un dos seus principais obxectivos como compañía é aumentar as dimensións de alcance das dinámicas do corpo.
Este programa podería sufrir modificacións por circunstancias externas, coma climatoloxía adversa ou causas de forza maior.
Entrada libre ata completar a capacidade.