A Bienal de Artes Vivas inclúe catro estreas absolutas e 14 espectáculos que se presentan por primeira vez en Galicia
O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, presentou a programación completa da primeira edición, que se desenvolverá no Convento de Santa Clara do 2 ao 12 de xullo
04/05/2026
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, presentou hoxe na igrexa do Convento de Santa Clara a programación completa da primeira edición da Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, acompañado do comisario desta, Iñaki Martínez Antelo. Do 2 ao 12 de xullo presentaranse 22 propostas artísticas, que inclúen performance, danza, teatro, música, poesía e circo. Catro destas son estreas absolutas, outras 14 poderanse ver por primeira vez en Galicia e en tres casos trátase de obras que están aínda en proceso.
Rafa Domínguez lembrou que este proxecto parte da experiencia previa do programa de artes vivas que se incluíu na Bienal de Arte de 2025: “Saíu tan ben, quedamos tan contentos co resultado deses espectáculos, que decidimos facer a Bienal de Artes Vivas este ano”. O vicepresidente salientou: “Iñaki Martínez Antelo propúxonos un programa espectacular e, ademais, nun lugar excepcional como é Santa Clara”. En concreto, a programación desenvolverase en tres espazos do recinto: a igrexa, o coro baixo e os xardíns.
“Esta é unha continuación desta carreira que fomos dando todos, prensa, público e profesionais, de poñer a Pontevedra no epicentro da cultura galega, cun dos programas de artes vivas máis ambiciosos que se van facer en España”, sinalou Domínguez. “O resultado é unha Bienal de Artes Vivas rupturista e dunha calidade altísima”.
O comisario da bienal, Iñaki Martínez Antelo, debullou as liñas clave da programación de “Nas marxes”, nome que recibe esta primeira edición. En Santa Clara presentaranse 22 propostas artísticas e todas as actuacións serán de balde, se ben será precisa a retirada previa de entradas, que estarán dispoñibles proximamente a través da web bienal.depo.gal. Como a capacidade dos espazos é limitada, nalgúns casos realizaranse dous pases.
Catro das pezas serán estreas absolutas de artistas galegos: Clo Pau Plas Pedra, na que Clo Plas (Xiana Arias e Berio Molina) colaboran con Diego Vites e Javi Álvarez; a peza de danza O raro é que bailar sexa raro, de VACAburra; a performance baseada no berro Y los huecos empezaron a pegarse, de Alejandra Pombo Su; e a narración poética na escuridade de Celso Fernández Sanmartín Contar no apagón. A nómina de proxectos galegos presentes na programación complétase con Pistacatro, que introduce o circo na bienal co seu espectáculo Sen patrón, e Fran Martínez, que presenta Transfixión.
O de Fran Martínez é un dos tres traballos en proceso que se presentan na bienal, pezas que as e os artistas exhibirán ante o público e nas que aínda traballan. Nos tres casos son colaboracións da Bienal de Artes Vivas con outras entidades: a de Martínez preséntase xunto co Colectivo RPM, como parte das residencias Paraíso, coa que o bailarín e coreógrafo galego estará a partir da semana que vén nunha residencia no propio Convento de Santa Clara. Ademais, Angelical de María Jurado faise en colaboración co festival TNT-Terrasa Noves Tendències e Out of Sight, Out of Mind, de Thiago Granato, con Citemor, en ambos os casos citas de referencia das artes escénicas da península ibérica.
O brasileiro Thiago Granato é un dos artistas internacionais que expón a súa obra por primeira vez en Galicia. É caso tamén do italiano Alessandro Sciarroni, que con Don't Be Frightened of Turning the Page será o encargado de pechar a programación o domingo 12 de xullo. Tamén o prestixioso coreógrafo francés Jérôme Bel, cuxa obra homónima se poderá ver por primeira vez en galego, interpretada pola actriz María Roja, nunha coprodución coa Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. O arxentino Martín Flores Cárdenas presenta a peza teatral La fuerza de la gravedad e a parella artística portuguesa Ana Borralho e João Galante, a performance World of Interiors, na que colaborará o grupo de teatro da UNED Pontevedra.
A de Borralho e Galante non é a única peza que conta con participación local: a artista e performer Laia Estruch estará acompañada da banda pontevedresa Zunzún no seu concerto Àlbum Victòria, e a performance Aplauso, vicio será interpretada polo dúo formado pola pontevedresa Noela Covelo Velasco e Élise Moreau.
A programación complétase con outros sete espectáculos que se poderán ver por primeira vez en Galicia: Microdesfase: desajuste para voz y espacio, de Blanca Tolsá; Tórtola Valencia, pienso en ti con mis manos, de Lara Brown; Bestia sagrada, de Isabel Do Diego; Extraña alegría, de Javier Hernando; Escarlet, de Ángela Millano; Alien, de Manuel Rodríguez; e En talleres, de Leonor Leal e Antonio Moreno.
Iñaki Martínez Antelo destacou que é unha programación pensada para os espazos nos que se vai desenvolver, que se adapta ás características da igrexa, do coro e dos xardíns de Santa Clara, non só en canto a formatos e capacidade, senón incluso tematicamente, con varias obras nas que se aprecia certa compoñente mística, coma as presentadas por María Jurado, Thiago Granato, Fran Martínez e Ángela Millano.
