Artes Vivas -World of Interiors - ANA BORRALHO E JOAO GALANTE - Bienal de Pontevedra
ANA BORRALHO E JOÃO GALANTE
World of Interiors é un proxecto de performance/instalación que confronta o público cunha imaxe inquietante: a de varios corpos tombados no chan, cos ollos pechados e sen movemento aparente. Nesa paisaxe detida, onde aparentemente nada ocorre no exterior, ábrese un espazo de atención e de escoita. A peza propón unha progresiva aproximación entre público e performers que favorece un intercambio con ese mundo interior. World of Interiors explora a relación entre público e obra, integrándoo no espazo e no tempo da performance. Nesa intimidade, a persoa espectadora é interceptada por textos, palabras que lle son rumoreadas dentro dunha tenue fronteira, case imperceptible. A instalación invita a entrar e saír libremente, a decidir a duración da experiencia, o tipo de relación que se establece e o momento da súa interrupción.
Ana Borralho e João Galante coñecéronse mentres estudaban artes visuais en AR.CO, en Lisboa, e traballaron xuntos regularmente nos anos noventa como actores e creadores do grupo de teatro Olho, en Cacilhas (Almada). Desde o 2002 desenvolven conxuntamente proxectos propios nos ámbitos da performance, da danza, do teatro, da instalación, da fotografía, do son e da videoarte. Desde o 2004, o seu traballo foi presentado en festivais internacionais en máis de 25 países. Borralho e Galante son cofundadores da banda de non músicos Jimmie Durham e da asociación cultural casaBranca. Son tamén directores artísticos e comisarios do festival de artes contemporáneas Verão Azul (Lagos e Loulé, Portugal), e comisarios do xa desaparecido festival de música electrónica Electrolegos, tamén en Lagos.
Ficha Técnica
Concepto, dirección artística, espazo escénico e iluminación: Ana Borralho e João Galante
Interpretación: grupo de teatro do Centro Asociado da UNED en Pontevedra
Asistencia artística: Daniel Matos
Texto: a partir de fragmentos da obra teatral de Rodrigo García
Colaboración dramatúrxica: Tiago Rodrigues
Asesoramento artístico: Fernando J. Ribeiro
Asesoramento de iluminación: Thomas Walgrave
Dirección executiva: Mónica Samões
Dirección de produción: Marise Francisco
Produción executiva: Salomé Ventura
Produción: casaBranca
Coprodución: Alkantara Festival, Museo Colección Berardo, Útero/Espazo Land, Centro Nacional de Danza Contemporánea de Angers
Apoios: Atelier Real, Grande Cena, IEFP, JGM, VôArte, Centro de Rehabilitación e Parálise Cerebral Calouste Gulbenkian, TNT/Manufacture de Chaussures-Bordeaux.
Apoio á estrea: Départs, programa "Cultura" da Unión Europea
Residencia artística: Centro Nacional de Danza Contemporánea de Angers