10/07/2026
21:00 h
Xardíns
40 minutos
Estrea en Galicia
<em>En talleres</em>
Crédito: Ana Palma
En talleres

LEONOR LEAL E ANTONIO MORENO

Danza

Cheos de trastes, instrumentos, ferramentas e utensilios estraños, un percusionista e unha bailaora xogan a facer soar e a facer bailar. Obxectos extraviados, cousas que ninguén considera útiles, esperan neste laboratorio para ser devoltos á vida, aínda que non saiban con que nova función. O obradoiro é o espazo do posible, do que aínda non existe e do que finalmente acontece. Un lugar de dúbidas, de preguntas, de asombro, de humor e de creación. De apalpar, zapatear, cortar e remendar. Unha rebotica escénica aberta ao público para acompañar a evolución dos protagonistas de xeito paralelo ás súas outras propostas: pasado, presente e o que está por vir. Trátase dunha posta a punto continua, unha revisión permanente de todo o que nos conmove e, polo tanto, nos move. Arte e ensaio na fabricación da danza, do son, dos pasos e da música. Do inesperado e da reparación en grao sumo usado. Isto é En talleres, un proxecto a dúo entre a bailaora Leonor Leal e Antonio Moreno, percusionista e performer.

Leonor Leal, nacida en Xerez da Fronteira, é unha bailaora singular e versátil, de sólida formación académica. Obtén a titulación en Ballet Clásico pola Real Academia de Danza do Reino Unido e en Danza Clásica e Danza Española polo Conservatorio de Danza de Sevilla. A súa traxectoria como solista foi recoñecida con diversos galardóns, coma o de Bailarina Sobresaliente no Certame Coreográfico de Danza Española e Flamenco de Madrid (2008), o Premio á Mellor Artista Revelación do Festival de Xerez (2011) ou, pola peza Nocturno, a Mención Especial do Xurado do Festival de Teatro no Sur (2019), o Premio ao Mellor Espectáculo de Danza nos Premios Escenarios de Sevilla (2019) e os nomeamentos a Mellor Intérprete Feminina de Danza e Mellor Espectáculo de Danza nos XXIII Premios Max das Artes Escénicas (2020). Recentemente recibiu a Copa Xerez de Baile 2025 da Cátedra de Flamencoloxía de Xerez.

Antonio Moreno é un músico ecléctico que funde a tradición do flamenco da súa cidade natal, Utrera, coa formación académica e a experimentación da música contemporánea. Actúa nos principais festivais do mundo xunto a artistas coma Israel Galván, Fernando Terremoto, Leonor Leal, Juan José Amador, Rocío Márquez, Tomás de Perrate ou David Lagos, entre outros. Actualmente é catedrático de Percusión no Conservatorio Superior de Sevilla.

Crédito: Ana Palma