Artes Vivas - Danzas romanticasAntena fantasma - MONTDEDUTOR - Bienal de Pontevedra
MONTDEDUTOR
Danzas románticas/Antena fantasma é un ritual plástico e colectivo para intentar sandar o sufrimento romántico. Unha performance fantasmagórica na que o corpo se converte en médium, nunha canle vibrante que debuxa a música e deixa emerxer imaxes, enerxías e presenzas. A peza propón unha fusión entre os ballets románticos e as prácticas enerxéticas contemporáneas co desexo de resignificar e sandar a dor do amor romántico. Tamén expón un diálogo entre a danza contemporánea, o debuxo e a cosmoloxía do ballet romántico. Sobre o espazo escénico, o performer canaliza estados emocionais xerados pola música romántica a través dun corpo que se transforma, que se move entre o equilibrio e o desequilibrio, para mergullarse na práctica de moverse debuxando ou debuxar movéndose.
Montdedutor está formada por Jorge Dutor e Guillem Mont de Palol, creadores escénicos e performers. Traballan nas fronteiras de diferentes disciplinas coma a danza, a arquitectura, o teatro ou a ópera, e os seus campos de influencia no político e o social. Manteñen un forte compromiso cun lugar que para outros é de paso: estar no límite, e non no centro das cousas, é para eles unha posición ideolóxica. As súas prácticas escénicas cruzan linguaxes e desenvolven unha dimensión enerxética e empática. Utilizan o humor, o absurdo, a repetición e a música para achegarlles as artes vivas a todos os públicos, coa intención de que estes saian "facendo a conga" e repitan o que viron despois nas súas casas. Traballan xuntos desde o 2009, colaborando con teatros, centros de arte e festivais de Europa e da América Latina.
Ficha Técnica
Creación: Guillem Mont de Palol e Jorge Dutor
Interpretación: Guillem Mont de Palol
Artista sonoro: Carlos Parra
Co apoio da Fundació Joan Brossa, do Centre de les Arts Lliures, de El Canal de Salt e do Concello de Cassà de la Selva