Artes Vivas - Album Victoria - LAIA ESTRUCH E ZUNZUN - Bienal de Pontevedra
LAIA ESTRUCH E ZUNZÚN
Àlbum Victòria é un proxecto performativo que traduce a texto, voz e movemento un pequeno álbum de debuxos do pintor barcelonés Jordi Samsó Bastardas (1929-2008). Trátase dun exercicio libre de interpretación e translación do gráfico ao escénico, no que os debuxos abstractos cobran vida a través dunha posta en escena en formato de concerto. Tras as súas colaboracións coa banda de posthardcore Joliette, en Cidade de México, e coa banda de punk-rock compostelá Samesugas, nesta ocasión —e especialmente para a Bienal de Artes Vivas de Pontevedra de 2026— Laia Estruch presenta unha colaboración inédita coa banda de Pontevedra Zunzún.
A práctica artística de Laia Estruch sitúase no ámbito da performance e da escultura, desde onde traballa coa linguaxe do corpo e a voz. Empregando o spoken word, a canción, os obxectos e as publicacións, os seus proxectos analizan as posibilidades emotivas da voz a cappella e do corpo sen teatralizar e abren un espazo de reflexión ao redor do carácter performativo da linguaxe, a gravación sonora e o seu arquivo oral. Presentou performances en espazos coma o MACBA Museo de Arte Contemporánea de Barcelona, a Fundación Antoni Tàpies, a Fundación Joan Miró de Barcelona, o Museo Picasso de Barcelona, PUBLICS de Helsinqui, o C3A de Córdoba, o Museo Centro de Arte Contemporánea (MUCAC) de Málaga, o Museo Nacional de Arte de Cataluña (MNAC) ou o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid, que o pasado ano lle dedicou unha mostra na que se revisou a súa traxectoria.
Ficha Técnica
Voz: Laia Estruch
Guitarra: Alexandre Losada
Saxo/electrónica: Che Garrido
Guitarra: José Solla
Baixo: Álvaro Gallego
Batería: Berto Fojo