Artes Vivas - Tortola Valencia pienso en ti con mis manos - LARA BROWN - Bienal de Pontevedra
LARA BROWN
"Tórtola Valencia, TóooORTOLAaaaValenCia". Con esa música na cabeza, o proxecto articúlase como unha investigación doméstica iniciada hai case dous anos por Lara Brown ao redor da biografía e da práctica artística da bailarina Carmen Tórtola Valencia e da súa parella, Àngels Magret-Vilà. Neste proceso emerxen capas de pensamento que desprazan a investigación cara ao terreo da creación e a transforman nun proxecto artístico que se vai despregando co tempo. Durante este percorrido, a acumulación de lecturas, a observación reiterada de imaxes e a repetición de xestos da bailarina —mans que trazan traxectorias imposibles— abren unha vía de intuición e imaxinación da que brotan historias e desenlaces posibles, tan verosímiles que por momentos parece que sucedesen de verdade. O proxecto foi seleccionado na convocatoria Artistas en Residencia de La Casa Encendida 2025 e en Beques Barcelona Crea Fàbriques de Creació. Conta, ademais, co apoio de La Poderosa, Centro de Residencias AADK e Azala Espazio de Creación. É beneficiaria das axudas á creación contemporánea do Ministerio de Cultura de 2026 e do programa "#Arteporvenir" (2026-2027) da Fundación Carasso.
Lara Brown entende a creación como xeradora dun xesto poético que opera como un agasallo, un intercambio de afectos que permite habitar o mundo de forma máis amable. Os seus traballos presentáronse en contextos coma Dansa Metropolitana, La Casa Encendida, Centro de Cultura Conde Duque, Festival Dansa València, Expo Dubai 2020, Picnic Sessions, Museo CA2M, Festival Moujuïc, Graner Centro de Danza e Artes Vivas, Fira Mediterrània de Manresa, Teatros del Canal e Centro de Danza La Caldera, entre outros. Á súa vez, crea contextos de pensamento crítico no ámbito das artes vivas, acompaña proxectos artísticos e inventa ferramentas para esvaer e repensar os límites do escénico.