Artes Vivas - Aplauso vicio - NOELA COVELO VELASCO E ELISE MOREAU - Bienal de Pontevedra
NOELA COVELO VELASCO E ÉLISE MOREAU
Aplauso, vicio é a exposición dunha máquina ilusionista, un aparello performativo que explora os mecanismos do xénero operístico. Combina procesos de abstracción e a referencia clásica, a ópera A frauta máxica, de W. A. Mozart. Desde o illamento dos seus elementos, a referencia transfigúrase e dálle espazo á práctica actualizada e sociopoliticamente situada. Aplauso, vicio manipula, a través da artesanía e da fantasía precaria, o legado de repertorio na procura da creación doutra escena.
Élise Moreau e noela covelo velasco coñécense colaborando para a creación do vestiario de Perpetua Felicidá (2021), de Iniciativa Sexual Feminina. Desde entón, cultivan unha amizade na que os intercambios profesionais florecen: clases de canto, acompañamento coreográfico de QSIPT I (2022)… Aplauso, vicio é o seu primeiro proxecto en coautoría.
Élise Moreau é bailarina, coreógrafa, pedagoga e danza movemento terapeuta. Como bailarina e coreógrafa, interésalle particularmente a acción performativa artesá (sen grandes medios exteriores) pola súa potencial universalidade e pola súa accesibilidade económica, e, polo tanto, deselitizante. Aspira a unha investigación íntima e permeable que sexa capaz de cuestionar, divertir e axitar. O traballo de noela covelo velasco desprégase desde a composición sonora, a performance, a disposición espacial e os procesos colectivos. Explora as formas de voz como espazos para a imaxinación política e a organización social. Na súa implicación pola autoxestión, actualmente é cofundadora do contorno para a experimentación pedagóxica c h o r o, con sede en Foc.
Ficha Técnica
Unha peza de noela covelo velasco e Élise Moreau
Colaboracións: Victor Ruiz Colomer (espazo), Julietta Ferrari (son) e Carolina Campos (ollo externo)
Co apoio do Centro Coreográfico Nacional de Grenoble, L'Estruch (Sabadell), La Caldera (Barcelona), Residencias Paraíso do Colectivo RPM (Galicia) e Foc (Barcelona). Ademais, o proxecto formou parte da edición 2025 de Si No Vols Pols No Vinguis a l'Era (Mieres) e recibiu unha subvención Barcelona Crea 2025 do Concello de Barcelona. Aplauso, vicio é unha coprodución do Festival Sâlmon 2025-2026 (Barcelona). No 2026, a obra contará con sesións do Método Feedback do Teatro DAS en colaboración co Teatro Antic.