Baixo o lema “A chama azul das  soldaduras” —extraído do texto 1943 : le surréalisme et nous (1943: o surrealismo e nós) da autora orixinaria de Illa Martinica Suzanne Césaire, a 33.ª Bienal de Pontevedra reflexiona sobre as dinámicas que lle afectan á construción simbólica da paisaxe, desafiando a súa propia noción ao contrapoñela coa idea de terra ou territorio.

Partindo da realidade histórica e cultural de Galicia, e poñéndoa en diálogo coa doutros contextos, o proxecto constrúese a través de fenómenos coma a irrupción do turismo masivo, as lóxicas coloniais presentes na cotidiandade, as políticas extractivistas e a sobreexplotación dos recursos naturais, as migracións climáticas ou a perda da identidade.

A bienal quere incidir, a través do traballo dun grupo de artistas de diferentes medios e xeografías, no que queda por fóra de toda construción de calquera paisaxe.