Nuria Sotelo, Luz Arcas e Quique Peón: Fóra de si

Danza. Duración: 45 min
Fóra de si é un encontro entre Nuria Sotelo e Luz Arcas froito do ciclo Conexións A Casa Vella, que se estrea neste programa de artes vivas da Bienal de Pontevedra. O punto de partida é a investigación que Luz Arcas está a realizar ao redor do "corpo jondo": "Levo uns anos traballando no jondo como motor de movemento interno e punto de partida para os meus bailes. Na procura expresiva e experimental, desligada formalmente de calquera tradición, pero conectada enerxeticamente coas expresións da miña terra, co flamenco, cos ritos e supersticións, co folclore andaluz e cos seus bailes e cantes do arraigamento". "Como se encarna a vida sen corpo?, como se baila fóra de si?, como entregar o corpo a mensaxes doutros corpos que xa non están aquí? Como facer deste mecanismo expresivo un espazo para a liberdade, para a revolución do tempo e do espazo, dos vínculos persoais? (...) A materia, mans que escriben ou debuxan, bocas que se articulan ao servizo de mensaxes doutros mundos". Neste traballo, a coreógrafa e bailarina Luz Arcas explora estas preguntas a modo de invocación, utilizando como materia o corpo-voz de Nuria Sotelo, a voz e a percusión da man de Quique Peón e o seu propio corpo.
Luz Arcas (1983, Málaga) funda a compañía La Phármaco en 2009. É Premio O Ollo Crítico da Danza 2015, premio á mellor intérprete feminina de danza 2015 nos Premios Lorca, finalista a mellor intérprete feminina de danza nos Premios Max 2017, Premio Injuve 2009 e Premio Málaga Crea 2009. Ademais, acaba de recibir o Premio Nacional de Danza (2024) outorgado polo Ministerio de Cultura.
Pola súa banda, Nuria Sotelo é veterinaria conversa, bailarina, coreógrafa, fundadora e directora artística da compañía de danza-teatro Furia Sotelo, directora do espazo de danza do Campus de Ourense UV, docente no campo do movemento, traballadora no ámbito social das artes, e impulsora e coordinadora do espazo de creación artística e acción social no rural A Casa Vella.
Por último, Quique Peón (1963, A Coruña) é coreógrafo, investigador, intérprete e docente no eido da música e do baile tradicional de Galicia. A súa actividade profesional céntrase na investigación etnográfica, cun extenso traballo de recolección de campo. Recuperou e restaurou centos de bailes, danzas, músicas, traxes, instrumentos e costumes, e gañou innumerables premios de ámbito nacional e internacional. Dirixe desde 1982 o grupo de música e baile tradicional Xacarandaina da Coruña e en 2008 creou a súa compañía profesional de danza galega Quique Peón Cía.
Este programa podería sufrir modificacións por circunstancias externas, coma climatoloxía adversa ou causas de forza maior.