Luis López e Rafa Domínguez detallan “a bienal máis global da historia”: 60 artistas de 28 nacionalidades para reforzar a cidade de Pontevedra como epicentro da cultura
Co lema “Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais”, a bienal contará con figuras internacionais coma Olafur Eliasson, Hans Haacke, Susan Philipsz, Emily Jacir ou Antoni Muntadas, xunto a nomes galegos coma Almudena Fernández Fariña ou Lois Patiño
26/05/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o vicepresidente, Rafa Domínguez, acaban de presentar a programación da Bienal de Arte de Pontevedra, “a máis global da historia”. Entre o 21 de xuño e o 30 de setembro, despois de quince anos de ausencia, regresa a bienal coa súa edición número 32, que leva por lema “Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais” e atraerá 60 artistas de 28 nacionalidades. A programación, que xa se pode consultar na web da bienal, https://bienal.depo.gal, completarase cun ciclo de cinema, conferencias, obradoiros e un programa de artes vivas co que a bienal chegará a outras catro localidades da provincia. “Vai ser un exitazo”, augurou o mandatario provincial nas Ruínas de San Domingos, onde tivo lugar unha presentación na que tamén participaron o comisario da bienal, Antón Castro, e a artista Almudena Fernández Fariña.
As Ruínas de San Domingos é un dos doce puntos de Pontevedra que acollerá as pezas da bienal. Os espazos centrais da mostra serán os edificios Castelao e Sarmiento do Museo de Pontevedra e o Pazo da Cultura, xunto a lugares emblemáticos da cidade, coma a igrexa do convento de Santa Clara, a illa das Esculturas, a ponte de Santiago, a Facultade de Belas Artes, o Café Moderno e as fachadas do Pazo provincial e da Casa da Luz, ademais das sedes da Fundación RAC e da Fundación Manuel Moldes.
O presidente da Deputación, Luis López, salientou que “a provincia de Pontevedra é unha potencia natural, turística e cultural”, algo que a bienal “vai proxectar a todos os niveis”. Neste sentido, López afirmou que a súa recuperación será unha oportunidade para “consolidar a cidade e a provincia como un foro no que reflexionar sobre a condición humana”, para afianzar o crecemento do turismo internacional nas Rías Baixas, “porque moitas persoas descubrirán este paraíso e despois pasará o que pasa sempre, quen proba repite”; e un “revulsivo económico” para a hostalería e o comercio local de toda a provincia.
A descentralización da programación da bienal, que por primeira vez se espalla máis aló das fronteiras da cidade, con programación en concellos coma Ponteareas, Vigo, Sanxenxo e O Grove no ciclo de artes vivas, é unha das grandes novidades desta edición. “Todo o que facemos desde que tomamos posesión de goberno pasa por implicar a toda a provincia. Levar a programación do ciclo de artes vivas a outros concellos é un movemento natural”, explicou o presidente, Luis López, quen fixo fincapé no municipalismo da Deputación en outros eidos coma o deporte, o turismo ou a cultura.
Pola súa parte, o vicepresidente, Rafa Domínguez, remarcou a importancia deste evento para a cidade e o prestixio das e dos artistas convidados, moitos deles con experiencia en bienais tan recoñecidas coma a de Venecia. “Moitos artistas aceptaron participar nesta bienal por dúas razóns: a primeira, por un tema de tanta actualidade coma a guerra; e a segunda, pola recuperación da bienal máis antiga da península ibérica”, recoñeceu Domínguez, quen asegurou que “a bienal vén para quedar”, e confesou que o obxectivo deste evento é impregnar de cultura a cidade e que Pontevedra sexa recoñecida no mundo por ter unha bienal.
Inauguración
O sábado 21 de xuño terá lugar a inauguración oficial, e as sedes da bienal abrirán as súas portas simultaneamente. Un día antes, o francés Patrice Warrener presentará Peregrinacolor, unha “iluminación policromada contemplativa” da fachada da igrexa da Virxe Peregrina, acompañada da música da DJ galega Akazie.
O discurso que fía a exposición das súas doce sedes pretende contrapoñer a escuridade da guerra e a luz da esperanza, empregando a arte para reflexionar sobre os conflitos bélicos do pasado e do presente e para ofrecer propostas que imaxinen futuros esperanzadores. A bienal xunta figuras de renome internacional, artistas emerxentes en moitos casos chegados de países en guerra, e algúns dos referentes da arte contemporánea galega e da española, que abordan temas coma a espiritualidade, o amor, a tolerancia, a verdade e a utopía a través de diversas linguaxes: a pintura, a instalación, o vídeo, a fotografía, a escultura e o espectáculo.
Resoan na relación de artistas algúns dos nomes máis destacados do panorama artístico internacional, coma o islandés Olafur Eliasson, a artista sonora Susan Philipsz ou Hans Haacke, que pendurará do Pazo provincial a súa mensaxe de inclusión ás persoas migrantes “Somos (todos) o pobo”. A outra fachada, a da Casa da Luz, a palestina Emily Jacir levará a súa reflexión sobre o sufrimento das vítimas da ocupación.
A Palestina dedícaselle un conxunto de obras situadas no Edificio Castelao, presentadas por Raida Adon, Miki Kratsman, Miki Leal, Isabel Rocamora e Rosalind Nashashibi. Outros conflitos actuais tamén estarán presentes; por exemplo, a situación do pobo kurdo desde a mirada persoal de Zehra Dogan, o xihadismo no Sahel a través das fotografías do maliano Aboubacar Traoré ou o conflito en Ucraína tratado polo cubano Dagoberto Rodríguez, o galego Gabriel Tizón ou os ucraínos Yarema Malashchuk e Roman Khimei, nunha peza de vídeo coproducida en colaboración coa 36.ª Bienal de Artes Gráficas de Ljubljana.
Os conflitos bélicos do presente afunden as súas raíces na secuencia que formaron na primeira metade do século xx a Primeira e a Segunda Guerra Mundial. A este período achégase a produción creada por Antoni Muntadas para a bienal e á súa pegada en conflitos posteriores, Proxecto Gulag, de Norberto Olmedo, Soldados soviéticos, de Simeón Saiz Ruiz, e as imaxes da guerra de Bosnia de Gervasio Sánchez.
A fotografía de guerra trátase desde o contemporáneo, pero tamén coas fotos que fixeron da guerra civil española a “primeira guerra testemuñada en sentido moderno”, como consideraba a escritora Susan Sontag: expoñeranse instantáneas de Robert Capa, Gerda Taro, Agustí Centelles, Kati Horna e mais fotoxornalistas daquel momento. O Guernica de Picasso, a obra icónica por excelencia cando pensamos en arte e guerra, é o punto de partida para as creacións de Pilar Albarracín e de Fritzia Irizar, que a conecta cos conflitos en Siria, Ucraína e Gaza. E viaxando máis atrás no tempo chegamos a Os desastres da guerra, de Goya, coa súa exploración do sufrimento humano e da resistencia contra a violencia que lle dá inicio á exposición da 32.ª Bienal de Pontevedra.
Volver a ser humanos
Xunto a esta cartografía da destrución social e emocional que as guerras provocaron ao longo da historia e na actualidade, outra parte das propostas artísticas presentes nesta bienal atreveranse a imaxinar futuros posibles para a humanidade, baixo unha premisa: a superación dos conflitos pasa por recuperar a empatía. Esta é a finalidade de Máquina para restaurar a empatía, de Eva Koťátková, que a propia artista activará ao longo da fin de semana inaugural.
Tamén estará presente esa fin de semana de apertura o portugués Carlos Bunga, que manterá unha conversa co público o sábado 21. Este artista inspirouse na resistencia cotiá e na utopía presentes no histórico proxecto da Ciudad de los Muchachos de Bemposta para crear as súas obras para a bienal. Na conexión co mundo botánico inspíranse os traballos das galegas Almudena Fernández Fariña, Marta Pazos e Beatriz Ruibal e as explosións transformadas en flores heroicas de Marina Núñez.
O humanismo que aposta por modificar a nosa relación co universo e cos seres que nos rodean latexa no filme Bahari, de Lois Patiño, ou na instalación de Diana Larrea na ponte de Santiago. E está moi presente nas culturas indíxenas de América, que quedaron á marxe da contemporaneidade e mantiveron unha relación coa natureza, á que hoxe se volven moitas miradas e que estará presente na bienal coas obras de Denilson Baniwa, Regina José Galindo e Violeta Quispe Jupari. Cunha visión diametralmente oposta, o transhumanismo eríxese como o intento por transcender as nosas limitacións biolóxicas a través da tecnoloxía. Nese espectro situaranse as pezas de Anna Hulačová e Taisia Korotkova.
O natural e o humano están tamén unidos na obra que a paquistaní Wardha Shabbir instalará na illa das Esculturas. Xunta ela, outras dúas pezas de Soledad Penalta e Idoia Cuesta enriquecerán este espazo de referencia da escultura contemporánea.
A lista de artistas presentes na bienal complétase con outros nomes de igual relevancia: Antonio Ballester Moreno, Arvin Golrokh, Carmen Hermo, Christian Villamide, Farida El-Gazzar, Federico Solmi, Francesc Torres, Manal Aldowayan, Manuel Casimiro, Manuel Vilariño, Natee Utarit, Paloma Navares, Priscilla Dobler Dzul, Sandra Cinto, Sophia Al-Maria, Tobias Rehberger, Wang Guangyi, Yasmeen Abdullah e os novos valores Carlos Fer e Andrea Davila Rubio.
Cine, artes vivas e máis
A exposición complétase cun amplo programa paralelo con cine, artes vivas e conversas con artistas. Este xoves no xardín do palacete das Mendoza arranca o ciclo Cine, Arte e Guerra, con seis sesións que ofrecen miradas pouco convencionais sobre os conflitos bélicos. O programa de artes vivas, baixo o comisariado de Iñaki Martínez Antelo, proporá cada venres, desde o 27 de xuño, un percorrido por espazos singulares da cidade e tamén de Vigo, Ponteareas, Sanxenxo e O Grove, con espectáculos, danza, música e accións colectivas que nos convidan a pensar que significa hoxe “volver a ser humanos”.
As conversas con artistas participantes desenvolveranse ao longo dos máis de tres meses de exposición. Permitiranlle ao público achegarse aos contextos, linguaxes e motivacións que lles deron forma ás obras desta 32.ª edición da Bienal de Pontevedra que está a piques de arrancar.