Artistas

Robert Capa (Endre Ernö Friedmann)

Robert Capa (Endre Ernö Friedmann)

Endre Ernö Friedmann (1913, Budapest, Hungría-1954, Thai Binh, Vietnam), máis coñecido como Robert Capa ―pseudónimo que adoptou xunto coa súa parella, Gerda Taro―, foi unha das figuras máis influentes na fotografía de guerra. Fillo de pais xudeus, Friedmann estudou Ciencias Políticas en Berlín e trasladouse a París en 1933 para escapar da ameaza nazi, antes de obter a nacionalidade estadounidense. Aínda que en 1938 a revista británica Picture Post recoñeceuno como "o mellor fotógrafo de guerra do mundo", unha opinión que tamén apoiou a escritora Susan Sontag, Friedmann aborrecía a guerra. Foi en París onde coñeceu a Gerda Taro (1910-1937), fotógrafa e xornalista alemá que, baixo o seu nome real, Gerta Pohorylle, se converteu na súa compañeira, tanto no profesional coma no persoal. Xuntos crearon o pseudónimo de Robert Capa para buscar dar a imaxe dun exitoso fotógrafo norteamericano, que se consolidou como o seu alter ego despois da guerra civil española (1936-1939), durante a cal Friedmann e Taro se uniron ao bando republicano para cubrir os combates. Estiveron na primeira liña de fogo en diversas frontes, primeiro en Madrid e finalmente en Cataluña. Logo da morte de Taro en 1937, Friedmann emigrou aos Estados Unidos, aínda que regresou a Europa para documentar a Segunda Guerra Mundial (1939-1945). En 1947 promoveu a creación da axencia Magnum Photos. A súa vida truncouse en maio de 1954, cando unha mina antipersoal acabou coa súa vida mentres cubría o conflito de Indochina para a revista Life.

Volver a ser humanos.
Ante a dor dos demais