05/07/2026
12:00 h
Xardíns
50 minutos
<em>Sen patrón</em>
Sen patrón

PISTACATRO

Circo

No mundo dos malabares, todo segue un padrón, unha orde, un ciclo perfecto que garante que as bólas non caian, que as mazas tracen o seu camiño no aire e que os diábolos xiren sen fin. Pero, que sucede cando tres malabaristas tentan levar a batuta ao mesmo tempo? En Sen patrón, ninguén manda: só hai mans que compiten e obxectos que voan por riba das súas cabezas nun aparente caos divertido e fascinante. Tres cómicos que viven e se moven ao ritmo dos malabares que controlan, formando ciclos que se repiten ata enredarse sen sentido. Entre xogos de poder, equilibrios imposibles e moito humor, descubrirán que a verdadeira maxia non reside en quen manda, senón en aprender a xogar xuntos.

Pistacatro é a compañía e a produtora de circo máis relevante das Artes Vivas en Galicia e Premio Nacional de Circo 2025. Distribúe as súas propias producións, así como algunhas outras que nacen da matriz creativa do proxecto Circonove, e aquelas que considera importantes baixo criterios de calidade e interese cultural. Tras vinte anos desde a súa constitución oficial en 2006, Pistacatro busca consolidarse como a produtora decana das novas correntes circenses en Galicia e abrir novos mercados e públicos. Funciona como un facilitador de profesionalización do circo na nosa terra, respectando os dereitos das e dos traballadores e artistas que, dalgún xeito, participan no proxecto. A súa intención é ser un catalizador que permita a comunicación con outras persoas e proxectos para xerar cultura en coprodución ou en colaboración, e, ao mesmo tempo, manterse fieis á súa complicidade co público. Un mecano nas mans dos seus integrantes para compartir soños.

Ficha Técnica

Dirección: Pablo Reboleiro

Malabaristas: Aitor Garuz, Santiago Montero e Pablo Reboleiro

Música: Manuel Fonte