10/07/2026
19:00 h
Iglesia
30 minutos
Estreno absoluto
<em>E os ocos comezaron a pegarse</em>
Crédito: Renato Cruz Santos/Galeria Municipal do Porto
E os ocos comezaron a pegarse

ALEJANDRA POMBO SU

Performance

Alejandra Pombo Su desenvolve unha obra performativa baseada no berro, explorando a voz a través de modulacións, vibracións e intensidades en relación con espazos e contextos específicos. O berro funciona como punto de entrada, como eixe, cara a unha vasta paisaxe interior cuxa superficie posúe unha forza psicacústica chea de matices, que se despregan en función de cada situación. Trátase dunha obra que deconstrúe as relacións establecidas entre a voz e a persoa, entre quen expresa e quen é expresado, transitando entre a autoficción e o devir posthumano. Xera, ademais, unha dinámica negativa que socava a conmensurabilidade entre ser e aparencia, en favor de experiencias perturbadoras, a miúdo viscerais, das que resulta imposible escapar.

Alejandra Pombo Su é licenciada en Artes Visuais pola Universidade Complutense de Madrid e ampliou os seus estudos cun máster en Artes Dixitais pola Universidade Pompeu Fabra e o Programa de Estudos Independentes do MACBA Museo de Arte Contemporánea de Barcelona. É doutora en Belas Artes cunha tese sobre os paradoxos e os efectos da introdución da noción de performance na arte contemporánea. Realizou residencias artísticas en institucións españolas e internacionais coma o Centro Atlántico das Artes (Florida, Estados Unidos), a Fundación I-Park (Connecticut, Estados Unidos), Pact Zollverein (Essen, Alemaña), CA2M (Madrid), El Ranchito (Matadero Madrid), FMJJ (A Coruña), Bulegoa z/b (Bilbao) e Tabakalera (San Sebastián), entre outras. A súa obra presentouse en festivais, museos e centros de arte vinculados ás artes visuais, o cine e as artes escénicas, coma o Museo Reina Sofía, Fabra i Coats, La Casa Encendida, a Galería Municipal do Porto e a Fundación Serralves. Actualmente participa como bolseira no programa DAAD Artistas en Berlín, na área de artes visuais.

Crédito: Renato Cruz Santos/Galeria Municipal do Porto