Artes Vivas - O raro é que bailar sexa raro - VACABURRA - Bienal de Pontevedra
VACABURRA
O raro é que bailar sexa raro nace como un solo da compañía VACAburra. Unha gabanza da danza, unha reivindicación da figura da bailarina como corpo pensante e tamén político. Esta peza abre un espazo de reflexión sobre a necesidade dunha escena na que a diversidade corporal e as disidencias estean representadas e ocupen os lugares centrais dos discursos escénicos. Esta core-biografía-pirata presenta por primeira vez na Bienal de Pontevedra un convite a catro corpos cunha traxectoria creativa variada e singular: Olga Cameselle, Ailén Kendelmán e Gael Martins únense a Andrea Quintana para habitar un espazo de creación que entende a danza como algo contaxioso e convida a bailar nun lugar onde todos os corpos son posibles.
VACAburra nace no ano 2019 como un proxecto de creación contemporánea en Galicia, froito da converxencia entre as traxectorias de Andrea Quintana e Gena Baamonde. O seu traballo está atravesado pola hibridaxe de linguaxes, o feminismo, a diversidade sexoxenérica o humor e a investigación teórico-práctica, co corpo como accionador principal das súas creacións. Ao longo destes anos crearon pezas coma O raro é que bailar sexa raro, Metodoloxías Carroñeras para Corpos Invertidos, Familia Nijinska ou Festina Lente, pezas cunha reflexión crítica sobre os corpos e os relatos hexemónicos, sobre o poético-político na creación escénica, e nas que os danzalismos (danza e vandalismo) funcionan como ferramentas metodolóxicas fundamentais.
Ficha Técnica
Creación: VACAburra (Andrea Quintana e Gena Baamonde)
Interpretación: Ailen Kendelman, Andrea Quintana, Gael Martins e Olga Cameselle
Dirección e coreografía: Andrea Quintana
Dramaturxia: Gena Baamonde e Andrea Quintana
Vestiario: Saturna