Artes Vivas - Jerome Bel - JEROME BEL - Bienal de Pontevedra
JÉRÔME BEL
Interpretada por María Roja Coproducida coa Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT Ribadavia)
Jérôme Bel é un coreógrafo e bailarín francés, considerado unha figura chave na renovación da danza contemporánea desde os anos noventa. A súa traxectoria caracterízase por unha aproximación crítica e conceptual ao feito escénico, que cuestiona os códigos tradicionais do espectáculo e reduce a escena aos seus elementos esenciais. O seu traballo evolucionou desde investigacións formais sobre a linguaxe coreográfica cara a un interese por quen interpreta como individuo e polas dimensións políticas e sociais da representación. Recoñecido internacionalmente, a súa obra foi presentada en contextos escénicos e artísticos de todo o mundo, e os seus rexistros forman parte de coleccións de importantes institucións museísticas.
A través do uso da biografía, Jérôme Bel politiza as súas preguntas, consciente da crise que atravesa o suxeito na sociedade contemporánea e das formas que adopta a súa representación en escena. Ao ofrecerlles o escenario a intérpretes non convencionais —persoas amadora, con discapacidades físicas e mentais, nenas e nenos—, mostra preferencia por unha comunidade das diferenzas fronte ao grupo normativizado, así como un desexo de danza por riba da coreografía, aplicando métodos de emancipación a través da arte.
Na peza que leva o seu nome, Jérôme Bel reconstrúe a súa lóxica lineal, despregada a partir dunha mirada necesariamente subxectiva. A intervención performativa do coreógrafo, só en escena, dialoga coa proxección de arquivos filmados e reactiva a memoria de xestos, partituras e feitos biográficos que o discurso pon en correspondencia. Nela, Jérôme Bel conta por primeira vez a súa historia, compartindo dúbidas, compromisos, fracasos e tamén fascinacións. Combinando relato e sentido, a peza articula fragmentos da súa vida, a súa traxectoria e o seu proxecto intelectual para revelar as súas estruturas comúns.
A obra está interpretada pola actriz, performer e artista visual María Roja. As súas inquietudes artísticas xiran ao redor do corpo como contedor do íntimo e, asemade, como arquitectura social e política, cun marcado interese nos seus procesos de apropiación, incorporación e transmisión do coñecemento inmaterial, así como na súa potencia como elemento subversivo e de resistencia. No ámbito da interpretación, destaca o seu labor en compañías de artes escénicas de linguaxe posdramática e tamén a súa participación en producións audiovisuais experimentais, películas e series de ficción. É licenciada en Belas Artes, conta cun máster en Artes Escénicas pola Universidade de Vigo e é titulada superior en Arte Dramática pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Foi galardoada con tres premios María Casares á mellor actriz.
Ficha Técnica
Texto e vídeos: Jérôme Bel
Produción da performance: R. B. Jérôme Bel (Rebecca Lasselin e Sandro Grando)
Coprodución: La Ménagerie de Verre (París), La Commune, Centro Dramático Nacional de Aubervilliers, Festival de Outono de París e R. B. Jérôme Bel (París).
A escritura do texto desta performance forma parte do proceso creativo de Sustainable Theatre?, concibido por Katie Mitchell, Jérôme Bel e Teatro Vidy-Lausanne, e coproducido por STAGES.