Obras
Telephone to Heaven (Teléfono ao ceo, 2022)
Esta instalación foi concibida por Sophia Al-Maria durante o período de illamento provocado pola pandemia. Nesta obra, a artista reúne obxectos tan dispares coma un reloxo para carreiras de pombas, unha réplica en madeira da variña de Cho Chang (personaxe de Harry Potter), un soporte metálico para globos terráqueos, ollos de plástico deseñados para escorrentar aves, unha figura metálica dun depredador de pombas e a pantalla rota dun iPhone. A peza nace dun lugar íntimo e á vez político. Al-Maria revisita materiais e recordos acumulados ao longo das súas viaxes migratorias das últimas dúas décadas, desde restos de teléfonos móbiles ata obxectos atopados. Todo iso entrelázase con referencias a películas infantís e símbolos da cultura popular que se cargan aquí de novos significados. Telephone to Heaven tamén aborda o sentimento de desconexión nunha era dominada polas tecnoloxías da comunicación, pola sobreexposición visual e pola constante vixilancia dixital. As pombas convértense en símbolo de desorientación nunha contorna onde os sinais se distorcen e as estruturas dominantes, tecnolóxicas, culturais e simbólicas xeran desconexión e un estado de hipervixilancia.
