Activación da pieza Alepo/Guernica/Kiev/Rafah, de Fritzia Irizar

Fritzia Irizar establece un diálogo directo co Guernica de Picasso e expón unha reflexión sobre a violencia bélica, o sufrimento civil e a memoria histórica. A peza remite ao bombardeo de Guernica durante a guerra civil española, cando as forzas alemás e italianas atacaron a cidade para apoiar o bando sublevado. A través desta referencia, a obra conecta ese episodio histórico coas traxedias bélicas actuais para construír unha ponte entre o pasado e o presente; replica a escala 1:1 a pintura orixinal de Picasso, un símbolo da paz que Irizar vai actualizando en cada nova presentación da obra. Na súa primeira activación, a artista disparou confeti con imaxes das vítimas civís do bombardeo ruso sobre Alepo. Nunha nova reactivación, engadiu imaxes doutros territorios devastados pola guerra, coma Ucraína, Palestina e Siria. Neste novo acto performativo, o confeti dispárase desde un canón e adhírese á pintura cun pegamento de secado lento para crear unha atmosfera entre o festivo e o tráxico. A obra reflexiona sobre a trivialización da violencia na cultura visual contemporánea e subliña a urxencia de non esquecer as leccións do pasado.