Luis López e Rafa Domínguez salientan que “a arte volve” a Pontevedra cunha bienal que consolidará á cidade na vangarda artística e cultural no ámbito internacional
O presidente provincial anuncia que, por primeira vez na súa historia, a programación da bienal se descentralizará pola provincia cunha serie de espectáculos en vivo que se celebrarán nos concellos de Ponteareas, Vigo, Sanxenxo e O Grove, ademais de na cidade do Lérez
16/01/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, presenta a campaña publicitaria da Bienal de Arte de Pontevedra, que regresa en 2025 despois de quince anos de ausencia, cunha programación que se estenderá por cinco concellos da provincia como principal novidade. "O noso proxecto é provincial, descentralizar a programación cultural e deportiva das grandes cidades. Queremos implicar a toda a provincia e que o retorno da bienal caia, como esa chuvia miúda que tanto nos define, en todo o territorio", explicou o dirixente antes de anunciar que Ponteareas, Vigo, Pontevedra, Sanxenxo e O Grove serán as sedes nas que se desenvolverá o programa de artes vivas da bienal de arte, que se celebrará entre xuño e setembro deste 2025.
Por outra parte, o vicepresidente e responsable do Museo de Pontevedra, Rafa Domínguez, puxo en valor o papel que xogaron tanto o equipo directivo do museo coma o sector cultural da cidade e da provincia para a elaboración desta campaña, que leva como lema "A arte volve", e destacou o importante impacto de tipo económico, mediático e turístico que terá a bienal tanto para Pontevedra e a provincia. "A bienal vai facer de Pontevedra un referente para o turismo; é un evento cultural de arte contemporáneo que lle vai dar a Pontevedra unha nova identidade", asegurou o vicepresidente, quen adiantou tamén a posta en marcha dun estudo, a través da Universidade de Vigo e unha empresa especializada, para coñecer de xeito detallado o retorno económico que terá a bienal para Pontevedra e a provincia.
No claustro do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra tivo lugar este xoves a presentación da campaña publicitaria da bienal de arte deste 2025. Presentáronse a páxina web e os distintos perfís que terá a bienal nas redes sociais, así como las y los protagonistas visuais da campaña, que son deportistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, estudantado da Escola de Cantería, persoal do Museo de Pontevedra e un lugar moi vencellado á arte, o Pazo de Lourizán. O acto foi conducido por Rosana Agrelo e contou coa actuación musical de Su Garrido Pombo, así como coas explicacións do comisario da bienal, Antón Castro, e da comisaria adxunta, Agar Ledo. Para rematar, Luis López e Rafa Domínguez desvelaron os detalles máis importantes dunha campaña que terá continuidade a vindeira semana en Fitur, a Feira Internacional de Turismo de Madrid.
Domínguez, motor do evento
Da recuperación da bienal, a máis antiga de España, con máis de 55 anos de historia, falou o presidente da Deputación para sinalar que foi unha iniciativa que naceu no mesmo momento no que se conformou o Goberno provincial, hai pouco máis de ano e medio. "Tiven unha reunión co verdadeiro artífice, unha persoa que ten moi claro o que quere e moi definidos os proxectos. Díxome: "presidente, quero recuperar a bienal". Ese artífice é Rafa Domínguez, que leva traballando desde o minuto 1 para algo que a cidade e toda a provincia esperaban", agradeceu o mandatario provincial.
O regreso deste evento internacional ligado á cultura e á arte, despois de máis de quince anos de ausencia, será tamén un revulsivo para o turismo en Pontevedra. "Esta provincia é un paraíso por todo o que ofrecemos, que fai que moitas das persoas que nos visitan repitan e nos recomenden. Queremos deseñar un modelo de turismo ligado ao deporte e á cultura, e aí é onde a bienal entra en acción; ten que ser ese valor engadido para seguir sendo un destino líder", afirmou o presidente, Luis López, quen subliñou tamén que dentro da campaña de promoción turística da provincia, que busca implicar os 61 concellos do territorio, a internacionalización do destino vai por bo camiño, pois o 25 % do turismo que recibe procede do estranxeiro.
Sobre o impacto que terá a edición número 32 da Bienal de Arte de Pontevedra, ambos os dous dirixentes amosáronse convencidos de que vai ser un éxito. "Agardo que a xente recoñeza Pontevedra por ter unha bienal de arte", sostén o vicepresidente Rafa Domínguez. Mentres que o titular do Goberno provincial augura para o mes de agosto "unha provincia extraordinaria, chea de xente extraordinaria gozando de experiencias 100 % Rías Baixas". Unha recuperación da bienal que será redonda se "a xente, cando lle preguntemos cando volve, responda en 2027, para a seguinte edición da bienal de arte", concluíu Luis López.