04/07/2026
19:30 h
Igrexa
70 minutos
Estrea en Galicia
<em>Bestia sagrada</em>
Crédito: Fábrica de Aceite
Bestia sagrada

ISABEL DO DIEGO

Concerto

En Bestia Sagrada, Isabel Do Diego permeabiliza o quejío flamenco coa fisicalidade vocal de diferentes liturxias, coma o canto sacro do medievo europeo, a chamada á oración en Mesopotamia ou a recitación do bunraku xaponés; unha voz encarnada por diferentes alimarias a modo de bestiario folclórico. Todo este corpo vocal e orgánico susténtase novamente sobre bases electrónicas compostas, esta vez, como 'trampas visuais sonoras'. Espacialmente, Isabel Do Diego habita un escenario propio onde ritualizar toda esta viaxe musical: un hábitat para o cante monstruoso de electrónica sacralizada, un espazo para a danza bastarda de movementos sobrenaturais, o corpo médium que todo o habita. Unha tríade de voz, corpo e instrumentación que conduce á celebración do monstruoso como entidade divinizada. En definitiva, unha escena transmutada en altar onde prender a taumaturxia folclórica en forma de cerimonia musical.

Isabel Do Diego, alter ego do artista andaluz Juan Diego Calzada, desenvolve no seu traballo musical e escénico un folclore austero, brutalista e sacralizado. O seu quejío electrónico abre un corpo á fuga, que traza unha nova perspectiva sobre o folclore andaluz. A súa música é unha prótese folclórica que transcende os espazos que a carne non pode habitar: un ser híbrido, un corpo que en escena camiña entre o humano, o animal e o espiritual. Entre a familiaridade rural e o estrañamento futurista, habita un universo escénico de berros e murmurios, melodías tradicionais xunto a sonoridades crebadas, ecos rurais e industriais, mensaxes herexes e oracións, fantasías sexuais e emocións castas. E moitos beats, samplers e sintetizadores. O seu cante e baile encarnan o monstruoso e fusiónanse cunha electrónica de carácter sacralizado. Unha trampa visual escénica que, como alegoría, non é racional nin clasificable, senón que revela o misterio que gardamos baixo a pel en forma de cerimonia musical. Publicou os álbums Depueblo, Bestia sagrada, Rozadura, A carne viva, Gozo jondo e Brutalismo.

Crédito: Fábrica de Aceite

Ficha Técnica

Idea e dirección: Isabel Do Diego

Creación e interpretación: Isabel Do Diego

Dramaturxia e produción musical: Isabel Do Diego

Iluminación e son: Antonio L. Pedraza

Fotografía: Fábrica de Aceite, Natalia Benosilio e Bravastudio

Produción: Fábrica de Aceite e Isabel Do Diego

Colaboracións: La Caldera (Barcelona) e Ciudad de las Ideas (Córdoba)