Obras
Ríos de gente (Ríos de xente, 2021)
Regina José Galindo aborda a explotación dos recursos naturais e o extractivismo como unha violencia estrutural que prexudica as comunidades máis vulnerables. A través de imaxes tiradas tanto por profesionais coma por membros das comunidades afectadas, a obra resalta a importancia da acción colectiva fronte á crise socioecolóxica. A representación, que se configura como unha "escultura humana", desenvólvese nas antigas canles de ríos desviados ou contaminados pola industria extractiva, nun acto de resistencia contra a destrución ambiental e a colonización de corpos e territorios. A acción colectiva durante esta representación exprésase con consignas coma "Liberdade para a auga" e "A auga é vida, non mercadoría" para denunciar a grave crise ambiental e social en Guatemala, onde o 95 % dos ríos están contaminados. Neste contexto, Ríos de gente critica a privatización da auga e convértese nun grito pola dignidade e polos dereitos das comunidades que loitan por preservar os seus recursos e o seu futuro. Con esta obra, Regina José Galindo reafirma o seu compromiso coa xustiza social e ambiental, e consolida a súa práctica como un poderoso instrumento de resistencia e transformación.
