Ángel Calvo Ulloa e Juan Canela serán os comisarios da 33ª Bienal de Pontevedra
A súa proposta foi seleccionada por un xurado presidido pola directora do Museo de Pontevedra e integrado polas especialistas Nuria Enguita (Museo de Arte Contemporáneo de Lisboa/CCB) e Susana González (Centro de Arte Fundación María José Jove)
13/03/2026
O xurado do concurso público convocado pola Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra para seleccionar o equipo comisarial da 33ª Bienal de Pontevedra acordou elixir a proposta presentada por Ángel Calvo Ulloa e Juan Canela. En ambos recaerá a responsabilidade de definir o proxecto curatorial da próxima edición, que se celebrará entre maio e agosto de 2027.
A decisión marca o peche do proceso de avaliación de candidaturas e dá paso agora á fase de formalización administrativa do contrato, previa ao inicio do desenvolvemento do proxecto expositivo. A proposta seleccionada foi elixida entre catro candidaturas, cuxos proxectos foron avaliados por un xurado presidido por Ángeles Tilve Jar, directora do Museo de Pontevedra.
O comité estivo integrado tamén por Nuria Enguita, directora do Museo de Arte Contemporáneo de Lisboa/Centro Cultural de Belém, e Susana González, directora do Centro de Arte e Colección da Fundación María José Jove, incorporadas como perfís externos de especial relevancia no panorama artístico contemporáneo. Completou o xurado Carlos Cuadrado Romay, secretario xeral da Deputación de Pontevedra.
Tras analizar as propostas presentadas, o xurado acordou seleccionar o proxecto de Ángel Calvo Ulloa e Juan Canela, valorando que “constitúe unha proposta moi sólida desde o punto de vista conceptual, curatorial e técnico, cun discurso ben articulado que establece unha forte conexión co territorio, a paisaxe e as tradicións culturais”. Valorouse especialmente a capacidade do proxecto para “trasladar un relato histórico e simbólico ao presente mediante unha formulación contemporánea e accesible, así como a súa atención á produción local, a incorporación de artistas emerxentes e o potencial para fortalecer a proxección cultural da Bienal”.
O equipo comisarial
Ángel Calvo Ulloa (Lalín, 1984) vive e traballa entre Madrid e Galicia. É comisario e escritor. Licenciado en Historia da Arte poa Universidade de Santiago de Compostela e máster en Arte Contemporánea: Creación e investigación pola Universidade de Vigo. Foi co-comisario, xunto con Marta Mestre, de O Fantasma da Liberdade / Anozero Bienal de Coimbra 2024. Entre os seus últimos proxectos curatoriais cabe destacar Jordi Teixidor. No-res, en la Sala Alcalá 31 (Madrid); Juan Uslé. Ese barco en la montaña, en Museo Reina Sofía (Madrid); ¿Adónde irá el pájaro que no vuele?, en La Casa Encendida (Madrid); Humores y Espesores, de Rodríguez-Méndez, no CA2M (Móstoles); El sueño de la cólcedra, de Teresa Lanceta, no Museo Patio Herreriano (Valladolid); Siron Franco: Pensamento insubordinado (Trabalhos, 1961-2023), en MAC Goiàs (Brasil); Anidar en el gesto: unas estanterías de Alberto, en Fundación Cerezales ( León); Autoconstrucción. Piezas sueltas. Juego y experiencia, de Antonio Ballester Moreno, en Artium (Vitoria-Gasteiz); Complexo Colosso, CIAJG (Guimarães). Desde 2011 comisariou tamén en institucións como Caixaforum (Barcelona), MARCO (Vigo), CCEMx (Ciudad de México), Fundación Luis Seoane (A Coruña), Tabacalera (Madrid), Centro Párraga (Murcia) ou EACC (Castellón), entre outras.
Juan Canela (Sevilla, 1980) vive e traballa en Ciudad de Panamá. É licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. É curador xefe do Museo de Arte Contemporánea de Panamá e membro do Comité asesor do Instituto Cader de Arte Centroamericana do Reina Sofía. Recentemente foi curador do programa Encontros en Artbo Bogotá (2025), co-curador da 23 Bienal de Arte Paiz en Guatemala (2023) e curador de El Patio ABC Baja California, México (2023-2024). Anteriormente desempeñouse como director Artístico de ZsONAMACO Ciudad de México (2020-2023); curador asociado do Centro de Residencias Artísticas de Matadero Madrid (2020-2021) e Research and Symposium Associate da osloBIENNALEN FIRST EDITION (2019-2020). Foi co-fundador r co-director del programa de residencias BAR project en Barcelona (2012-2020) e foi parte da comisión de programas de HANGAR Barcelona (2016-19). Xunto a Ángel Calvo Ulloa publicou o libro Desde lo curatorial. Conversaciones, experiencias y afectos (2020) coa editorial Consonni.
O concurso establece un premio de ata 10.000 euros para a proposta gañadora, cantidade que se integrará como anticipo dos honorarios profesionais fixados en 70.000 euros.
A 33ª Bienal de Pontevedra celebrarase entre maio e agosto de 2027 e desenvolverá o seu programa expositivo en espazos que reforzan a vontade de concentrar o proxecto no corazón museístico da cidade. As sedes principais serán os edificios do Museo de Pontevedra: o Edificio Castelao, o Edificio Sarmiento, a Igrexa de Santa Clara e a nave central das Ruínas de Santo Domingo. Como novidade, esta edición incorporará tamén unha sede en Vigo, na Sala de Exposicións da Sede Afundación, ampliando así o alcance territorial do proxecto.
